Feliz Aninovo Sustentable

     Publicado o Ven ,08/01/2010por terraecultura

Desde a Asociación Cultural Os Ameios, queremos dar as grazas a todas as persoas, grupos e entidades que colaboraron e/ou participaron nas xornadas Terra e Cultura. Queremos aproveitar tamén para desexar un Feliz Ano 2010 e todos os parabéns para poder avanzar na procura da Sustentabilidade.

As xornadas foron un espazo para tecer redes e contactos que pregamos non sexan esquecidos, traballaremos para consolidar esas relacións e a visión compartida dunha Terra e Cultura máis Sustentable.

Moi pronto o Druida Poeta, a escultura realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO co vidro das botellas do Fogar do Santiso, quedará completada e terá o seu emprazamento definitvo. Será unha ocasión para convocar de novo a vosa participación na inauguración e celebrar, desde a integración da Arte e a reciclaxe, novas propostas para a Sustentabilidade. Pregamos de vos manter en contacto e reiteramos a nosa gratitude pola participación e colaboración.

08012010219

O Fogar do Santiso un día de neve de xaneiro de 2010, cor branca para un novo ano cheo de ilusións e de desexos de sustentabilidade para todas e todos.

A Sustentabilidade para a Economía pecha as xornadas Terra e Cultura Sustentable

     Publicado o Xov ,10/12/2009por terraecultura

O sábado 5 de decembro de 2009, foi o día da clausura das Xornadas Terra e Cultura Sustentable 2009, que celebráronse durante 9 sábados de outono no Fogar do Santiso. A Economía Sustentable, foi a temática desta interesante xornada, na que amosáronse diferentes experiencias e propostas que están xa a visibilizar un cambio no noso país, coa participación de grupos e entidades comprometidas co cambio de paradigma.

Comezou a xornada coa presentación, por parte de Antonio Palma de PermaCultura na Galiza, dunha reflexión sobre o diñeiro e súa articulación como eixo da economía, no canto do bloqueo que supon a súa dependencia da globalización e do capitalismo. A referencia concreta da moeda complementaria Galeuro, como diñeiro sen xuro e sistema de crédito mutuo, amosou o exemplo de diferentes estratexias de procura da sustentabilidade na economía. Manuel Casal, da Asociación Fillos de Galicia, excusou a súa participación para a presentación desta moeda complementaria.

De seguido puidemos asistir a unha exposición en vivo do proceso de creación de “O DRUIDA POETA”, a escultura realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO, e integrada na proposta ReciclARTE. Oscar e Tucho explicáronos as diferentes fases da realización da obra e emplazáronos a estar atentos ás novas para o momento da inauguración da mesma.

A exposición da artesanía en cestería, alfombras e encadernación da Asociación de Pais de Minusválidos de Teo (ASPAMITE), estivo tamén presente como foi daquela durante todas as xornadas.

Á tarde, puidemos asistir á proxeción do interesante vídeo “La double face de la monnaie” (A outra cara da moeda), onde amosáronse experiencias de moeda complementaria en Alemania, Bancos de Tempo e Troco en Inglaterra e Francia.

Este vídeo foi o preámbulo da mesa redonda - palestra de Economía Sustentable. Nela contamos coa participación de Noa Estévez da Cooperativa Compostelá de Consumo Responsable Eirado, Ramón Carmelo da Cooperativa de Servizos Financierios Éticos e Solidarios Coop57 Galicia, Xan Hermida da ONG de Comercio Xusto e EcoDesenvolvemento Amarante, Antonio Palma da Asociación Cultural Fillos de Galicia e Gustavo Sanromán do Banco de Tempo de Valladares. A ONG Ecoloxista Verdegaia excusou a súa participación.

A palestra de experiencias, contou coa proposta de socialización da moeda complementaria Galeuro, por parte da Asociación Fillos de Galicia, para a creación dunha entidade que poda ser quen de adoitar o Galeuro para a organización dun sistema de moeda complementaria para a Galiza. De seguido, as diferentes entidades presentaron o seu traballo e entre todas animouse o debate no canto da Economía Sustentable no noso territorio. Foi un debate moi  interesante que seguro que abrirá unha nova oportunidade de colaboración e participación conxunta.

Prema eiquí para a descarga da presentación de Coop57 Galicia. Nos enlaces dos paragrafos anteriores, tes información sobre o traballo e experiencias das distintas entidades que colaboraron na xornada.

Durante a tarde, tivemos tamén ocasión de intercambiar e ceder entre as persoas que participaron, cousas que xa non estamos a usar nun mercadiño de troco improvisado. Xa case que de noite procedeuse á clausura das Xornadas Terra e Cultura Sustentable, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, excusou a súa presenza nela.

O Fogar do Santiso tense convertido neste outono nun faro de referencia no eido da sustentabilidade na Galiza. As experiencias e propostas que apresentáronse nas Xornadas Terra e Cultura Sustentable, son todas elas reais e marcan unha liña de traballo e compromiso en movemento. Son levadas adiante por persoas, grupos e organizacións, que están a comprometer a súa identidade e viabilidade como proxectos na procura da sustentabilidade para todo o territorio da Galiza. O espazo que as acolleu, o Fogar do Santiso, tenta de camiñar cara á súa propia sustentabilidade sen deixar de interesar á cidadanía e a súa clientela, dun xeito diverso de entender a restauración e a relación co medio ambiente e a sociedade.

A Asociación Cultural Os Ameios quere agradecer a todas as persoas, colaboradores, amig@s, entidades e organizacións que participaron nestas xornadas, o seu compromiso e traballo, pola participación desinteresada nesta valente aventura que supuso levar adiante 9 sesións temáticas nas diferentes dimensións da Sustentabilidade: Ecolóxica, Económica e Social. En especial á Asociación de Pais de Minusválidos de Teo, á equipa do restaurante o Fogar do Santiso, a Oscar Aldonza e Tucho Abalo, a Juan Carlos Zamora (Zamo Tamay), a Anxelot Design, a Darija e Ayelen; colaboradores permanentes durante estes 9 sábados, sen cuxa participación non tería sido posible o desenvolvemento destas xornadas.

A Asociación Cultural Os Ameios queda pois na liña de promoción da Sustentabilidade  e aberta á colaboración en rede con todas aquelas entidades que queran continuar neste compromiso. Tentaremos de continuar co traballo realizado e animamos a toda a cidadanía a tomar en serio a súa implicación na procura da verdadeira Sustentabilidade.

9ª xornada: Economía Sustentable, clausura de Terra e Cultura

     Publicado o Xov ,03/12/2009por terraecultura

O sábado 5 de Decembro terá lugar a 9ª e derradeira xornada “Terra e Cultura Sustentable”, no Fogar do Santiso, coa celebración dunha XORNADA TEMÁTICA sobre ECONOMÍA SUSTENTABLE. Charlas, un mercado de troco e unha mesa redonda, amosarán distintas propostas e experiencias que xa están en marcha na Galiza, para o desenvolvemento dunha economía verdadeiramente sustentable.

As xornadas “Terra e Cultura Sustentable” 2009, organizadas pola Asociación Cultural Os Ameios, chegan ao seu fin despois de 9 sábados temáticos, de presentación de propostas e experiencias nas distintas dimensións da sustentabilidade. Propostas de acción e visións para traballar cara a Sustentabilidade Ecolóxica, Económica e Social, que foron amosando a oportunidade da intregración social da cidadanía no traballo polo deseño dunha Sociedade máis compremetida, para unha Terra e Cultura máis sustentables.

Nesta derradeira xornada contaremos con:

  • A presentación da MOEDA COMPLEMENTARIA GALEURO. O galeuro é a primeira moeda virtual (electrónica) galega. Foi creada pola Asociación Cultural Fillos de Galicia. Cada galeuro é equivalente a 1 euro, tendo paridade fixa con esta moeda. Neste momento estase a propor a socialización desta moeda para o seu uso no ámbito das relacións de produtos e servizos de distintas entidades da Galiza, no eido da Economía Social e Sustentable.
  • “O DRUIDA POETA”, a escultura realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO, e integrada na proposta ReciclARTE; xa foi modelado en arxila e realizado o molde en escaiola, neste momento está a ser conformada a escultura definitiva co vidro das botellas do Fogar do Santiso. Contaremos cunha exposición do que foi o seu proceso de creación e calquera día teremos a oportunidade de contemplar o seu rexurdir. Manterémovos informados dos novos acontecementos.
  • Teremos un MERCADO DE TROCO E CESIÓN de cousas que xa non están a servir no noso fogar e poderemos trocalas ou mesmo cedelas. Animádevos a compartir aquilo que non esteades a usar.
  • Á tarde asistiremos á proxección do vídeo “La double face de la monnaie - A outra cara da moeda”, como presentación da MESA REDONDA sobre Economía Sustentable na que participarán:
    A  Cooperativa Compostelá de Consumo Responsable Eirado
    A Cooperativa de Servizos Financierios Éticos e Solidarios Coop57 Galicia
    A ONG de Comercio Xusto e EcoDesenvolvemento Amarante
    A ONG Ecoloxista Verdegaia
    A Asociación Cultural Fillos de Galicia
    Todas elas presentarán a súas experiencias no eido de: Consumo Responsable, Inversión ética e solidaria,  Comercio Xusto, Inversión Pública Responsable, Mercado de Troco e Moeda Complementaria.

    A remataren procederase á CLAUSURA DAS XORNADAS Terra e Cultura Sustentable, 2009.

Unha nova proposta de integración de Arte e Reciclaxe

     Publicado o Mér ,02/12/2009por terraecultura

ReciclARTE

é unha nova proposta de proxectos de creación aberta con materiais reciclables. Unha proposta pola integración da Arte e a Reciclaxe. Ten xurdido ao abeiro das Xornadas Terra e Cultura Sustentable 2009, que celebráronse no Fogar do Santiso; e comezou a súa andaina coa creación da escultura “O Druida Poeta” por parte dos artistas Oscar Aldonza e Tucho Abalo.

panel-druida-poeta

O Druida Poeta, estase a realizar coa técnica do baleirado en resina-vidro.
Pódese descargar a explicación completa realizada polos artistas neste enlace: vaciado-do-druida-poeta.
De seguido preséntase un resumo do proceso técnico de creación da escultura.

Oscar e Tucho na preparación do molde de escaiola sobre o modelado en arxila

Oscar e Tucho na preparación do molde de escaiola sobre o modelado en arxila

A técnica do baleirado consiste moi básicamente en construir un molde ou matriz, que, ó enchermo-lo obteremos unha copia do obxeto ó que se lle sacou o molde, e importante suliñar que para que este procedemento funcione o material empregado para encher o molde debe ter a propiedade de pasar de estado líquido a sólido, ben por enfriamento, tal como ocorre cos metais, ou ben por mor dunha reacción química, como no caso da escaiola ou da resina.

A técnica empregada para a escultura do Druida Poeta e precisamente o molde perdido. O primeiro paso para realizar un molde perdido sería a execución do original en un material brando e plástico, maleable, como pode ser a plastilina ou a arxila, nos empregamos barro de Buño, montado sobre unha estructura metálica que soporta os 400 kg de arxila necesarios para modelar esta peza, a plasticidade do barro permite darlle a forma desexada, deste xeito se construe a escultura nun material transitorio, a arxila, que recibirá o molde sobre ela, será o molde o que conserve a forma definitiva da escultura, posto que o barro se extrae para reutilizar noutra ocasión.

O molde perdido habitualmente se fai de escaiola, os motivos son varios, e un material barato e fácil de conseguir, ademais solidifica nuns minutos o que permite traballar con velocidade, primeiramente e necesario facer a división das pezas das que constará o molde, para elo construense unhas paredes provisionais, con barro, escaiola… nos decantámonos polo reciclado das chapas do offset, que son láminas moi finas de aluminio, ríxidas pero flexibles, que se van clavando na escultura delimitando as pezas a xeito de puzzle tridimensional, a continuación comezamos a bota-la escaiola, primeiro en capas finas e líquidas e engordandoas progresivamente ate obter un grosor uniforme aproximado de 6 ou 7 cm, en esculturas de gran tamaño coma esta e preciso incluir algún elemento de reforzo, como ferros, canas ou estopa para que non partan as pezas durante a extracción, foron necesarios 1200 kg de escaiola para facer este molde.

Imos a facer unha figura de resina con vidro reciclado das botellas dun restaurante, O Fogar do Santiso, estimamos empregar unhas 2500 botellas, e decir uns 1000kg de vidro, o primeiro que facemos con estas botellas e lavalas e quitárllelas etiquetas, poñémolas a secar e logo as trituramos para obter unha especie de grava de vidro, separando os diferentes tamaños de cristal cunha peneira, este vidro triturado mestúrase cunha pequena cantidade de resina para aglutinalo e vértese no molde pouco a pouco para ir enchendo tódolos recovecos, non se fai unha figura maciza, a parede pode oscilar nun grosor de 10 cm, e a cara interior está reforzada con fibra e unha estructura metálica que servirá tamén de anclaxe, cando o molde está cheo hai que darlle tamén uns dias á resina pare que esta alcance a sua dureza óptima, para finalmente abrir o molde e descubrir a figura.

Enerxía e Mobilidade en Terra e Cultura Sustentable

     Publicado o Lun ,30/11/2009por terraecultura

No pasado sábado 28 de novembro, tivemos a ocasión de vivir a 8ª xornada de Enerxía Renovable e Mobilidade Sustentable. unha xornada chea de experiencias e con moita información e propostas para cambiar o noso espazo de vida e traballo, para o uso da enerxía e o transporte de xeito sustentable.

Xan Duro da Asociación ecoloxista Verdegaia, tivo que excusar a súa presentación. Na páxina web da organización, tedes toda a información sobre mobilidade sustentable.

Foi Xoán Doldán, da asociación Véspera de Nada (por unha Galiza sen petróleo), quen presentou o panorama do Cénit do Petróleo na Galiza e no resto do estado español, amosando unha realidade bastante concreta respecto do advenemento de combustibeis máis caros e restricións na produción e no abastecemento.

Juan Bello, profesor do Instituto de Formación Profesional IEFP Someso de A Coruña, presentou o Estudo dos Medios, unha investigación prática sobre o uso de distintos medios de desprazamento na cidade de A Coruña, cunha visión moi rstrictiva sobre o uso do automóvil. De seguido apresentounos o Obradoiro de Enerxía Solar e deixounos tamén información sobre técnicas de bioconstrución.

Manuel Amigo, de talleres Amigo, contou a súa experiencia persoal no proceso de investigación e aprendizaxe, para desenvolver alternativas no ámbito da automoción con aceite vexetal como combustible. Manuel foi o organizador da CONFERENCIA SOBRE AUTOSUFICIENCIA ENERXÉTICA RURAL e 1º ENCONTRO ESPAÑOL DE VEHÍCULOS MODIFICADOS PARA Aceite Vexetal Puro. celebrado en xuño 2009 en Santa Comba.

Deste eido foi a temática do vídeo “Reciclaxe de aceite vexetal, para uso como combustible en vehículos diesel” que está á disposición para descarga. Toda unha mostra prática de cómo reciclar para non contaminar.

Tamén tivemos a ocasión de contar con asesoramento profesional, por parte de José dunha coñecida tenda de bicicletas, sobre o novo catálogo 2010 de bicicletas de pedaleo asistido.

Pódense descargar as presentacións desta xornada:
Neste enlace, a presentación do Cénit do Petróleo de Xoán Doldán (PPS 3 Mgb.)
Eiquí, a Carrera dos Medios en A Coruña de Juan Bello (PPS 2,7 Mgb.)
Neste outro, o Obradoiro Enerxía Solar de Juan Bello no Someso (PPS 6,5 Mgb.)
Tamén eiquí, a presentación de Bioconstrucción de Juan Bello (PPS 5 Mgb.)

Despois da interesante palestra, puidemos saír ao exterior para contemplar a exposición dos diferentes enxenios solares que Juan Bello achegou, ademáis de bicicletas de pedaleo asistido e convencionais. Tivemos unha boa ocasión de comprender mellor como cociñar e viaxar sen combustible fósil, malia que o sol non nos acompañou aprendimos mesmo como autoconstruir as nosas cociñas e fornos.

Nesta xornada contamos de novo coa presencia da Asociación de Pais de Minusválidos de Teo (ASPAMITE) que  amosaron en vivo o seu traballo de encadernación. Un excelente traballo pola integración social destas persoas que exemplifica o traballo da asociación teense, Noraboa!!!  Tamén contamos co noso amigo Javier que presentou o seu traballo de ebanistería con ferramentas tradicionais en madeira de carballo, artesanía en estado puro.

Unha xornada chea de cousas novas e moi animada na que o tempo voltou a ser de choiva e vento. Logo o roteiro en bicicleta para a tarde tivémolo que suspender, se cadra para a primaveira tentarémolo de novo. Moitas grazas á Policia Municipal e a Protección Civil do Concello que estiveron ao tanto para nos acompañar. Vémonos na derradeira xornada na que falaremos da economía e da súa sustentabilidade. Deica!!!

8ª Xornada: Enerxía Renovable-Mobilidade Sustentable

     Publicado o Xov ,26/11/2009por terraecultura

O sábado 28 de novembro terá lugar a 8ª xornada “Terra e Cultura Sustentable”, no Fogar do Santiso, cunha MESA REDONDA e actividades sobre ENERXÍA RENOVABLE E MOBILIDADE SUSTENTABLE e a realización dun ROTEIRO EN BICICLETA, como unha acción de reivindicación do uso da bicicleta como vehículo de transporte .

Descarga o PROGRAMA da 8ª xornada (PDF 213 kb.)

10,00 Mesa Redonda - Palestra: (modera A.C. Os Ameios)

Mobilidade sustentable - Xan Duro, Verdegaia
. Xan Duro é documentalista e o responsábel da Área de Enerxía e Transporte de Verdegaia. Xan está especializado en temas de transporte e medio ambiente e tamén se desenvolve como un activo impulsor da bicicleta en Galicia.

Galiza frente ao cénit do petroleo > Transición - Xoán Doldán, Véspera de nada. Xoán Doldán foi director do INEGA e actualmente é profesor titular de Economía Aplicada na USC. Colabora coa asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, impartindo conferencias e achegando a realidade do consumo enerxético na Galiza.

Enerxía Renovable práctica - Juan Bello (CIFP Someso). Juan Bello é Profesor de Formación Profesional no departamento de Edificación e Obra Civil no CIFP Someso de A Coruña. Arquitecto Técnico, especializado en bioconstrucción. Gañador de varios premios entre eles o Premio á “Innovación Educativa sobre as Enerxías Renovables en Galicia” (2004).

Bio-combustibles - Manuel Amigo, Talleres Amigo. Manuel Amigo é un dos pioneiros na Galiza na investigación sobre bio-combustibles e aplicacións tecnolóxicas para unha automoción máis sustentable. Xerente dos talleres Amigo en Santa Comba, onde ten a representación Ecoengin que instala kits de Aceite Vexetal Bruto para automoción industrial e agrícola.

12,00 Experiencia práctica /exposición: Vehículos con aceite vexetal (bruto / fritura); Enxenios e xoguetes solares; Bicicletas de pedaleo asistido.

12,00 Mercadiño de artesáns, música e actividades para nen@s. Contaremos coa colaboración de:

  • A Asociación de pais de minusválidos de Teo (Aspamite), estará unha vez máis presente coa elaboración en vivo da artesania e traballo de encadernación. Tamén contaremos coa súa exposición permanenete de cestería e alfombras.
  • “O DRUIDA POETA”. A escultura de Oscar Aldonza e Tucho Abalo, neste momento está no proceso de preparación para ter realizado a escultura definitiva en vidro reciclado. O molde está aser composto e axiña poderemos comtemplar ao druida no seu emprazamento definitivo. ReciclARTE é xa unha realidade.
  • ACTIVIDADES PARA NEN@S: teremos XOGOS e dinámicas para aprender sobre as enerxías renovables e o aforro enerxético no fogar. mesmo poderemos ver os enxenios solares. Globos, maquillaxe e o paracaidas de mil cores, estarán de novo presentes para grandes e pequen@s.
  • Haberá música para ambientar os espazos e as actividades.

13,00 Proxección vídeo: Reciclaxe de Aceite Vexetal para uso como combustible en vehículos Diesel

16,30 Roteiro en Bicicleta: Se o tempo o permite, faremos un percorrido en bicicleta co que preténdese realizar unha acción de reivindicación do uso da bicicleta como vehículo de transporte. O roteiro estará coberto polo servizo de Protección Civil do Concello de Teo. Prégase de usar chaleco reflectante e casco.

Colaboran nesta xornada:

Fogar do Santiso, Concello de Teo, Anxelot Design, Asociación Aspamite, Juan Bello, Oscar Aldonza, Rede Amigos do Fogar do Santiso, Talleres Amigo, Tucho Abalo, Verdegaia, Véspera de Nada, Zamo Tamay

Reciclaxe, Residuos, Reutilización… barro, lá, cinzas, vidro en Terra e Cultura

     Publicado o Dom ,22/11/2009por terraecultura

Foi o 21 de novembro o día que celebramos a 7ª xornada que tratou a temática da Reciclaxe, os Residuos e a Reutilización. Tivemos a visita da Televisión de Galicia que cubriu a apertura do molde de escaiola do noso “Druida Poeta”. Prema no enlace para ver o clip da Revista de fin de Semana de TVG coa noticia.

A xornada comezou coa charla sobre Reciclaxe e Xestión de Residuos por parte de Tino Quintela, de Federación Ecoloxista Galega, quen apresentou o panorama crítico da xestión de residuos na Galiza. Tino salientou o valor que ten no proceso a separación no noso fogar e o valor da reciclaxe na procura dunha sustentabilidade na xestión do lixo.

Descarga a presentación de Xestión de Residuos de Tino Quintela, (Power Point 38 Mgb)

De seguido comezou o obradoiro de realización de lixivia de cinza, no que participou o público infantil e que permitiu levar o resultado á casa para poderen usalo na limpeza do fogar. Tamén contamos coa presencia de Casperle, co seu obradoiro de artesanía de bonecas de lá, que gustou moito a grandes e pequenos. Una proposta de conxugar a artesanía e a pedagoxía, cos deseños tradicionais e os materiais naturais.

Pudiemos seguir en directo coa tele, a apertura do mode de escaiola do noso “Druida Poeta”, quedaron logo as pezas do molde para que Oscar máis Tucho continuen co proceso de creación da escultura definitiva, que levará cerca de 1 tonelada de vidro reciclado das botellas do restaurante. Tamén puidemos ver o video “A Historia das Cousas, onde temos unha referencia moi boa do exceso de consumo que estamos a padecer na nosa sociedade.

Velaí vai a galeria de fotos da xornada:

Outra xornada moi completa, aínda que con moito vento e choiva. Unha visita importante, a da tele, que certificou o traballo de creación reciclaxe coa presencia do noso Druida como inspirador. Unha oportunidade máis de amosar propostas de traballo para a sustentabilidade.

A reciclaxe non debería ser só a dos nosos residuos, mesmo cumpriría facelo coas nosas conciencias e co noso espirito. Deste xeito @s noso@s fill@s poderían ter unha axeitada referencia para aprender a construiren un novo espazo e unha nova sociedad. Adiante, non deixemos de separar todo aquilo que podamos despois reciclar.

7ª xornada “RESIDUOS, RECICLAXE, REUTILIZACIÓN, R…”

     Publicado o Ven ,20/11/2009por terraecultura

O sábado 21 de novembro no Fogar do Santiso, terá lugar a 7ª xornada “Terra e Cultura Sustentable”, con CHARLAS e actividades sobre RESIDUOS, RECICLAXE, REUTILIZACIÓN, coa apertura do molde da escultura “O DRUIDA POETA” dos artistas OSCAR ALDONZA E TUCHO ABALO e coa artesanía en vivo de realización de bonecas de lá por parte de CASPERLE.

Descarga o programa da 7ª xornada (PDF 200 Kb.)

A xornada comezará coa charla sobre RECICLAXE E XESTIÓN DE RESIDUOS, por parte de CELESTINO QUINTELA da Federación Ecoloxista Galega. Tino é pai dunha nena de 4 anos (Berta) e dun neno de 13 meses (Martinho). Licenciado en Bioloxía pola USC. Actualmente está a finalizar a súa tese de doutoramento sobre xenética vexetal. Militante do movemento ecoloxista galego desde hai máis dunha década, primeiro no Obradoiro Ambiental Oureol e logo na Federación Ecoloxista Galega, da que foi Coordenador Xeral entre o 2005 e o 2008. Arestora é o Secretario da FEG, alén de desenvolver tarefas na Comisión de Resíduos de devandita Federación. Nesta charla tentarase introducir a problemática actual dos residuos como unha mostra máis dunha sociedade insustentábel, achegando reflexións e propostas para, desde o eido individual (nos fogares) ou colectivo, poder contribuír ao necesario cambio de modelo económico e productivo.

De seguido, poderase participar nun obradoiro prático de reciclaxe con diferentes residuos que se están a producir no Fogar do Santiso.

O monumento a “O DRUIDA POETA”, xa rematou o seu modelado en barro e arestora, despois de ter sido coberto co escaiola, abrirase o molde para despois enchelo co vidro reciclado do Fogar do Santiso. Esta obra realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO, está integrada na proposta RECICLArte.

A artesanía en bonecas de lá de CASPERLE, presentaranos en vivo o seu traballo e a súa proposta de integración  da artesanía e a pedagoxía con bonecos con materiais naturais como a lá e o algodón. Entre os seus produtos atópanse tamén outros decorativos e funcionais como almofadas, coxíns, alfombras e outros obxectos diversos.

A Asociación de pais de minusválidos de Teo (Aspamite) presentará a súa exposición permanente de artesanía de cestería, alfombras e encadernación.

O público infantil poderá participar nas DINÁMICAS DE SENSIBILIZACIÓN da xestión dos noso residuos, e a importancia duna boa separación do lixo no Fogar. Os globos, a maquillaxe e o PARACAIDAS de mil cores, acompañaranos xunto a nosa FADA PAIASO VIOLETA.

Contaremos coa proxección dos vídeos “The story of Stuff” - A historia das cousas. Este documental presenta unha visión crítica da sociedade consumista. Expón as conexións entre un gran número de problemas sociais e ambientais, e convócanos a crear un mundo máis sostible e xusto. O video describe a economía de materiais, un sistema composto por extración, produción, distribución, consumo, e residuos; que esténdese a personas, aos estados e ás corporacións. Poderemos ver tamén “100 % Hecho de Basura” – 100 % Feito de lixo. O deseñador americano William McDonough e o farmacéutico alemán Michael Braungart teñen atopado un modelo de produción revolucionario consistente en que todos os produtos construidos polo home respecten o principio “lixo igual a alimento”. Cada produto, unha vez desbotado, debe se converter en alimento para a biosfera ou ser reciclable para a elaboración de outros novos. Este documental amosa cómo coñecidas empresas e incluso cidades xa están a experimentar con esta producción sostenible baseada na reutilización, un sistema de traballo que pode se converter tamén nunha filosofía de vida.

Á tarde e segundo como o tempo meteorolóxico nos permita, poderemos comprobar algunhas das solucións de reciclaxe que se están a realizar no Fogar do Santiso. Aceite, cinza e cartón deixan de seren residuos e teñen a súa aplicación como novo recurso.

Unha nova proposta para a reflexión sobre a sustentabilidade, neste caso sobre os nosos residuos e o impacto do noso consumo. Outra ocasión, xa van 6 semanas, de coñeceren propostas e experiencias para a procura da sustentabilidade  nas nosas vidas, no noso entorno. Animádevos a vir canda nós para participar nesta apaixoante viaxe.

Bio-construción, construir para a vida

     Publicado o Lun ,16/11/2009por terraecultura

Foi 0 14 de novembro, cando se celebrou a 6ª xornada Terra e Cultura Sustentable, que trataba a temática da “Vivenda Sustentable”. Cunha charla e experiencias sobre a construción saudable e a casa sá.

Foi o técnico en bio-construción, Carlos Pujos quen abriu a palestra coa súa exposición sobre bio-construción. Carlos achegounos o sentido e a sensibildiade da construción natural, facendo fincapé na utilización de materiais naturais locais e técnicas que sexan respetuosas co entorno e que salienten o valor da construción tradicional do territorio.

Foi logo José Santiso da empresa Entrepedras, quen abondou neste xeito de construción natural e consciente, achegando as súas experiencias no traballo desta empresa, que ten recuperado algunhas casas de aldea na comarca de Compostela e mesmo deseñado e construido algunhas de nova planta, con materiais locais e técnicas tradicionais.

Carlos Pujol e José Santiso falan de bio-construción
Carlos Pujol e José Santiso falan de bio-construción

>>> Descarga ou ve a presentación “Bioconstrución” de Carlos Pujol (PPS 16 Mgb).
>>> Descarga os catálogos das promocións de Entrepedras.

Despois da charla e da presentación da diferente documentación e materiais sobre bio-construción, puidemos ver a estrutura onde estase a construir unha estrutura con pacas de palla, revoco de cal e cuberta verde.

Os participantes ao carón do edificio de pacas de palla
Os participantes ao carón do edificio de pacas de palla e cuberta verde

Como ilustración para a reflexión sobre a construción saudable e sá, contamos co vídeo: “Palla Mental” de Heidi Snel, que non puidemos ver completo. Se queres información de cómo conseguir este video, prema eiquí.

Se queres ver un trailes deste vídeo, podes descargalo en YouTube.

“O DRUIDA POETA”, a escultura de Oscar Aldonza e Tucho Abalo integrada na proposta RECICLArte; xa quedou modelada no barro e está lista para ser coberta co molde de escaiola. Axiña o proceso estarai listo para comezar co reciclado do vidro das botellas do Fogar do Santiso.

Oscar, Tucho e o Druida Poeta xa son compañía inseparable
Oscar, Tucho e o Druida Poeta xa son compañía inseparable

O Obradoiro de artesanía en percusión tradicional galega de José Salvado Sanín, regalounos en vivo a confección de pandeiros, panderetas e todo tipo de instrumentos tradicionais. Unha boa referencia da nosa cultura e música máis popular.

José Sanín co seu obradoiro de artesanía de instrumentos de percusión tradicional galegos
José Sanín co seu obradoiro de artesanía de instrumentos de percusión tradicional galegos

A Asociación de pais de minusválidos de Teo (Aspamite), estivo de novo presente coa exposición permanente da súa artesanía en cesteiría, alfombras e encadernación.
Nen@s e rapaz@s puideron participar connosco nas dinámicas sobre materias para a nosa casa e mesmo modelaron co barro. Globos e maquillaxe completaron as actividades de lecer.

Despois do xantar realizáronse visitas a dúas casas que a empresa Entrepedras ten construidas na comarca de Compostela. Nelas pódense observar os materiais naturais e as técnicas tradicionais que se promoven desde esta empresa.

Armonía, sobriedade, materiais naturais e sans nas casas de Entrepedras.
Armonía, sobriedade, materiais naturais e sans nas casas de Entrepedras.

O lema de Entrepedras é “Construimos con Natureza”. A experiencia desta xornada foi a de reflexionar sobre recuperar o sentido común na construción da nosa casa. Se cadra na nosa Galiza sempre foi esa a referencia nas aldeas, aínda que o presente non amose esa realidade, teñamos logo a natureza como referente para a sustentabilidade da vivenda.

6ª xornada “Vivenda Sustentable”

     Publicado o Ven ,13/11/2009por terraecultura

A 6ª xornada “Terra e Cultura Sustentable”, terá lugar o sábado 14 de novembro no Fogar do Santiso con CHARLAS e actividades sobre VIVENDA SUSTENTABLE, com modelado da escultura “O DRUIDA POETA” dos artistas OSCAR ALDONZA E TUCHO ABALO e coa artesanía en vivo de percusión tradicional galega por parte de JOSÉ SALVADO SANÍN.

Descarga o programa da 6ª xornada (PDF 500 Kb:)

As xornadas comezarán coas charlas sobre VIVENDA SUSTENTABLE, coa participación do profesional CARLOS PUJOL que falará de Construción Sustentable. Carlos Pujol procede do traballo artesán, dedicado durante varios anos á cesteiría, da que realizóu traballos de investigación e divulgación. Comeza coa construción sustentable como una evolución persoal e profesional, estando a buscar os materiais e técnicas máis naturais posibles. Realiza varios proxectos de auto-construción á vez que está a colaborar con diferentes arquitectos, como profesional da bioconstrución. Na actualidade é un profesional adherido á Asociación Española de Bioconstrución.

Participará tamén a empresa ENTREPEDRAS, coa presentación e exposición de MATERIAIS E TÉCNICAS DE CONSTRUCIÓN SUSTENTABLE. A empresa de bio-construcción Entrepedras leva un tempo apostando con forza pola recuperación dos materiales autóctonos e das técnicas construtivas tradicionais, para embelecer a paisaxe rural e recuperar aldeas esquecidas. Sen renunciar á funcionalidade e ao deseño integrado, en Entrepedras trabállase pola recuperación da pedra e das madeiras autóctonas, estando a construir coa convición de que é posible levar á nosa vivenda solucións armoniosas, saudables e que estean a respetar o entorno. Na memoria constructiva de Entrepedras, está desde a vivenda de nova pranta, buscando o emprazamento máis axeitado, ata a rehabilitación de antigas casas abandoadas en lugares de aldea.

De seguido, poderase participar nunha visita a unha construción realizada con balas de palla no Santiso, onde está proxectada unha CUBERTA VERDE, da que poderemos achegarmos ao proceso de construción.

O monumento a “O DRUIDA POETA”, escultura feita co vidro reciclado do Fogar do Santiso, realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO, e integrada na proposta RECICLArte; está a piques de chegar a súa forma final co modelado dos detalles do corpo do druida.

O artesán JOSÉ SALVADO SANÍN, presentaranos en vivo o seu obradoiro de construción de instrumentos tradicionais galegos. Panderetas, pandeiros, tambores e outros instrumentos serán os protagonistas da xornada.

A Asociación de pais de minusválidos de Teo (Aspamite) presentará a súa exposición permanente de artesanía de cestería, alfombras e encadernación.

A MÚSICA acompañará as actividades e dinamizará os espazos.

O público infantil poderá participar nas DINÁMICAS DE SENSIBILIZACIÓN da importancia dunha casa sá, e a necesidade da sustentabilidade na nosa vivenda. Os globos, a maquillaxe e o PARACAIDAS de mil cores, acompañaranos xunto a nosa FADA PAIASO VIOLETA.

Contaremos coa proxección do vídeo “Paja Mental” de Heidi Snell. As pacas de palla son un material de construción novo e interesante: renovable, ecolóxico, económico, e existente en abundancia. Colocándoas como se fosen ladrillos enormes, as pacas de palla aseguran un illamento térmico extraordinario e un ambiente interior san. Esta película alemana amosa a situación actual deste novo sistema construtivo. Nela, acompáñase o proceso de construción dunha casa en Alemaña; e a través de distintos exemplos, amósanse as posibilidades de deseño de casas realizadas con pacas de palla. Entrevistas con arquitectos, promotores e expertos dan resposta a preguntas a dúbidas importantes. E un apaixoante ensaio de resistencia ao lume demostra: ¡as paredes de palla non arden!

Á tarde, se hai interés e demanda por parte das persoas participantes, farase unha visita a proxectos de construción sustentable da empresa Entrepedras. O desprazamento será individual, aínda que farase o posible por compartir medio de transporte.

Unha nova proposta para a reflexión sobre a sustentabilidade, neste caso da nosa vivenda, dos seus materiais e as relacións co seu entorno. Unha nova ocasión de coñecer experiencias diferentes no canto do noso modo de vida. Estades tod@s invitad@s a pasar unha xornada chea de actividades. Animádevos a vir ao Santiso.